cedro  
  axenda    noticias    enlaces    lecturas    sala de prensa    preguntas habituais     correo antipiratería  

  Área de socios    CEDRO    Dereitos de autor    Asociarse    Licencias  
Dereitos de autor
 
Dereitos de autor>Límites e excepcións
 > Conceptos básicos
 > Tipos de dereitos
 > Límites e excepcións
 > Lexislación
 > Enlaces
 > Preguntas habituais

 

 

Os límites ou excepcións aos dereitos de autor son aqueles casos en que o/a creador/a ve limitado o seu dereito exclusivo de explotar a súa obra en favor do interese social. A lei recoñece os seguintes usos de obras protexidas sen autorización, sen prexuízo de que, nalgúns casos, se lle deba aboar unha remuneración polos devanditos actos de explotación:

1. Reprodución sen autorización: as obras xa divulgadas poderán reproducirse sen a autorización do/a autor/a nos seguintes casos:

  • Como consecuencia ou para constancia nun procedemento xudicial, administrativo ou parlamentario.
  • A realizada por unha persoa física para o seu uso privado a partir de obras ás que acceda legalmente, sempre que a copia obtida non sexa utilizada de forma lucrativa nin colectiva.
  • Que se realicen en beneficio de persoas con discapacidade, sempre que os actos de reprodución carezan de finalidade lucrativa, garden unha relación directa coa discapacidade da cal se trate, se leven a cabo mediante un procedemento ou medio adaptado á discapacidade e se limiten ao que esta esixe.

2. Cita e ilustración no ensino: a inclusión nunha obra propia de fragmentos de obras alleas non necesita a autorización do/a autor/a da obra citada ou apuntada, sempre que se cumpran todas as condicións especificadas a continuación:

  • que o fragmento que se inclúa corresponda a unha obra xa divulgada,
  • que a súa inclusión se realice a título de cita ou nota para a súa análise, comentario ou xuízo crítico,
  • que se realice con fins docentes ou de investigación,
  • que se indique a fonte e o nome do/a autor/a da obra utilizada.

As recompilacións periódicas de fragmentos de obras alleas efectuadas en forma de apuntamentos ou revistas de prensa teñen a consideración de citas. No entanto, cando se realicen recompilacións de artigos xornalísticos que consistan basicamente na súa mera reprodución e a devandita actividade se realice con fins comerciais, o autor que non se opuxo expresamente terá dereito a percibir unha remuneración equitativa. No caso de oposición expresa do autor, a dita actividade non se entenderá amparada por este límite.

Non necesitará autorización do/a autor o profesorado da educación regulada para realizar actos de reprodución, distribución e comunicación pública de pequenos fragmentos de obras ou de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo, excluídos os libros de texto e os manuais universitarios, cando tales actos se fagan unicamente para ilustrar as súas actividades educativas nas aulas, na medida xustificada pola finalidade non-comercial perseguida, sempre que se trate de obras xa divulgadas e, salvo nos casos en que resulte imposible,  inclúan o nome do autor e a fonte.

Non se entenderán comprendidas no parágrafo anterior a reprodución, distribución e comunicación pública de compilacións ou agrupacións de fragmentos de obras ou de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo.

3. Traballos sobre temas de actualidade: os traballos e artigos de actualidade difundidos polos medios de comunicación social poderán ser reproducidos, distribuídos e comunicados publicamente por outros da mesma clase sen autorización dos seus autores, sempre que se cite a fonte e o autor, sempre que o traballo aparecese asinado. Non se poderá realizar esta reprodución se no artigo consta a reserva de dereitos.

4. Utilización de bases de datos: o usuario lexítimo dunha base de datos divulgada ou dunha copia desta pode realizar, sen a autorización do/a autor/a da base, todos os actos que sexan necesarios para acceder ao contido desta, cando coincida con algúns dos seguintes casos:

  • A reprodución con fins privados dunha base de datos non-electrónica.
  • Cando a utilización se realice con fins de ilustración do ensino ou de investigación científica, sempre que non haxa obxectivo comercial e se indique a fonte.
  • Cando se trate dun uso para fins de seguridade pública ou para os efectos dun procedemento administrativo ou xudicial.

5. Utilización das obras con ocasión de informacións de actualidade e das situadas nas vías públicas: non é necesaria a autorización do/a autor/a dunha obra protexida para reproducila, distribuíla e comunicala publicamente, cando esta poida ser vista ou oída nunha información de actualidade.

Esta utilización debe estar xustificada pola finalidade informativa. Tampouco é necesaria esta autorización para reproducir, distribuír e comunicar libremente por medio de pinturas, debuxos, fotografías e procedementos audiovisuais as obras situadas permanentemente en calquera vía pública.

6. Cable, satélite e gravacións técnicas: non é necesaria a autorización dos/das titulares de dereitos para:

  • Transmitir por cable unha obra protexida, cando a entidade emisora que teña a autorización para emitila por medios inalámbricos e a transmisión por cable se realice simultánea e integramente sen exceder o ámbito territorial permitido.
  • Enviar a obra a un satélite, a condición de que a entidade emisora e a receptora estean autorizadas para emitir a obra nos seus respectivos territorios.
  • Gravar unha obra, cando sexa realizada por unha entidade de radiodifusión que estea autorizada para emitila, e que a finalidade da súa reprodución (gravación) sexa a súa emisión posterior nun único acto.

7. Reprodución, préstamo e consulta de obras mediante terminais especializados en determinados establecementos: non é necesaria a autorización dos/as titulares de dereitos de autor para reproducir unha obra, cando a copia se realice sen finalidade lucrativa por museos, bibliotecas, fonotecas, hemerotecas ou arquivos, de titularidade pública ou integradas en institucións de carácter cultural ou científico, e a reprodución se faga exclusivamente para fins de investigación ou de conservación.

Tampouco necesitarán a autorización dos/as titulares de dereitos nin terán que satisfacer ningún tipo de remuneración polos préstamos de obras que realicen en museos, arquivos, bibliotecas, hemerotecas, fonotecas ou filmotecas de titularidade pública ou que pertenzan a entidades de interese xeral de carácter cultural, científico ou educativo sen ánimo de lucro, ou a institucións docentes integradas no sistema educativo español.

Tampouco necesitan a autorización do autor os actos de comunicación de obras ou poñelos á disposición de persoas concretas do público para os efectos de investigación, cando se realice mediante rede pechada e interna a través de terminais especializados instalados para ese efecto nos locais dos establecementos citados no parágrafo anterior e sempre que tales obras figuren nas coleccións do propio establecemento e non sexan condicionadas á adquisición e licenza. Todo iso sen prexuízo do dereito do/a autor/a para percibir unha remuneración equitativa.

8. Actos oficiais e cerimonias relixiosas: a execución de obras musicais en actos oficiais, das administracións públicas e en cerimonias relixiosas non require a autorización previa dos seus titulares de dereitos, sempre que se dean as seguintes condicións:

  • que o público poida asistir gratuitamente.
  • que os artistas que interveñan non perciban unha remuneración específica por esa interpretación ou execución da obra.

9. Parodia: non é necesario o consentimento do autor dunha obra xa divulgada para parodiala cando a parodia:

  • non implique risco de confusión coa obra orixinal,
  • non lle infira un dano á obra orixinal e
  • non lle cause dano ao/á autor/a da obra orixinal.


 





   
© 2005 Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO)