| |
Para entender a propiedade intelectual é necesario coñecer os conceptos de dereitos de autor, autor, obra protexida, duración dos dereitos e dominio público.
A propiedade intelectual protexe as creacións orixinais producto do intelecto e correspóndelles aos autores das mesmas obras polo mero feito de crealas.
Os dereitos de autor son as facultades, morais e de explotación, que se lle recoñecen ao autor dunha obra orixinal.
Considérase autor a persoa natural que crea unha obra literaria, artística ou científica. En determinados casos as persoas xurídicas tamén poden ser titulares de dereitos de autor, aínda que nunca se poden considerar creadores.
Son obxecto de protección de propiedade intelectual todas as creacións orixinais literarias, artísticas ou científicas expresadas por calquera medio ou soporte, tanxible ou intanxible, que exista actualmente ou se invente no futuro, compréndese entre elas: os libros, folletos, impresos, epistolarios, escritos, discursos e alocucións, conferencias, informes forenses, explicacións de cátedras e outras obras da mesma natureza, así como as traduccións e as adaptacións, as revisións, actualizacións e anotacións, os compendios, os resumos e os extractos e as transformacións dunha obra literaria, artística ou científica. Tamén son obxecto desta protección os títulos das obras sempre e cando sexan orixinais.
Como norma xeral, os dereitos de explotación da obra duran toda a vida do/a autor/as e 70 anos despois da súa morte ou da declaración de falecemento. Despois, a obra pasa a dominio público e poderá ser utilizada sen autorización, sempre que se respecte a autoría e a integridade desta.
Os dereitos de autor de carácter patrimonial poden ser transmitidos, ben mortis causa ou inter vivos.
|